Wednesday 15 de May de 2024

Ordes implícase co VIII aniversario de Noites de Tasca


Centos de veciños e veciñas participan na celebración desta iniciativa folclórica impulsada polos Viqueiras. Máis de 20 grupos actuaron en directo polos bares, pechando o acto cunha gran xuntanza no Campo da Feira
Veciños, veciñas e afeccionados da música tradicional volveron encher, novamente, os bares e establecementos de Ordes para celebrar como é debido o VIII aniversario da Noites de Tasca. Co seu xesto puxeron de manifesto o seu apoio e a súa estima a esta iniciativa grazas á cal se conserva o costume de celebrar foliadas populares nas que non falta o baile e a diversión polos negocios da comarca, acentuado tamén pola vitoria da selección española ante Turquía no partido da Eurocopa. E todo isto grazas aos seus promotores e organizadores, a Asociación Grupo de Gaitas Os Viqueiras de Ordes, que un ano máis volveu contar co Concello de Ordes para desenvolver esta xornada.
O programa deste ano incluíu obradoiros musicais e encontros folclóricos abertos a todo o mundo, da man do artesán Oli Xirádez e de Juan Pena e Beatriz García, profesores do grupo Sementes da Arte. Como é habitual Os Viqueiras tamén quixeron agasallar aos maiores da residencia municipal cunha actuación en vivo, e que levantou a case todas e todos dos seus asentos.
Coa caída do sol as decenas de gaitas que hoxe se deixaban notar en Ordes empezaron a soar na maioría dos establecementos hostaleiros da vila, que por unha vez foron o mellor dos escenarios para os máis de 20 grupos participantes da iniciativa. Finalmente todos eles xuntáronse no Campo da Feira para poñer punto e final á cita cunha gran festa que, un ano máis, puxo de manifesto o gusto da xente de Ordes polos sons tradicionais.
Amplo elenco
Os grupos e formacións participantes nesta nova edición foron: Gaiteiros de Buxantes (Dumbría), Sarillo de Aiazo (Frades), Escola de Música e Baile Tradicional de Mesía, A.F. Ancoradoira (Culleredo), San Martiño de Cerceda, Pana Raiada (Santiago), Sementes da Arte (Ordes), Somos Nós (Ordes), Santiaguiños de Boimorto, Acordeonistas de Sigüeiro, Millo Verde (Cambre), Folque Ruada (Cerceda), Trouleiros de Lesta (Ordes), Nela (Taramundi), Modesto Arias & Amigos (A Fonsagrada), Os Xeitosos de Trazo, Alén do Mar (Bergondo), Faíscas da Pontraga (Tordoia), Tombalobos Orquestra (A Coruña), Camiño Real de Poulo (Ordes), Os do Xalo (Carral), Os larpeiros de Altamira (Cambre), Pandeireteiras das Encrobas, Son D’Aquí (A Coruña) e Os Viqueiras de Ordes. Todos eles ofreceron o mellor do seu repertorio nos seguintes establecementos: Adega A Barrica, Black & White, Castro, Correos, Doniña, El Puente, Nogallás, Corzo, Orellas, O Mercado, San Bernardo, San Roque, Birroteca Soul Food, O Cárcere, O 27, PJ, Feitizo, O Sótano, Zentrum, A Bolera e Abacco.
Ademais de co Concello de Ordes a organización tamén contou co apoio da Mancomunidade de Ordes, a Federación de Grupos de Música e Baile Tradicional da Comarca de Ordes e Esymar.